jueves, 12 de octubre de 2006

Mellores intres da tempada 2006 (2)

Continuamos ca segunda parte dos mellores intres da tempada 2006 co día que fun ó couto sen morte do río Arenteiro, en Carballiño.

Cara alí marchamos Rubén (un aventureiro máis da pesca) e máis eu. De camiño, paramos a tomar café no hotel onde sirven os coutos, para ver se conseguiamos coller un couto para él, xa que eu lográrao no sorteo anual de coutos da Xunta de Galicia. Unha mágoa que non houbera.

Unha vez chegado ó río, tiramos cara arriba na ponte que vai dar ó paseo, preto da depuradora. Alí comeza o couto sen morte, aproximadamente 1 km de distancia. Despedinme de Rubén, xa que él non podía subir máis e nese intre comecei a miña primeira andadura polo Arenteiro.

O día comezou difícil, xa que somentes pillei unha troita no tramo que vai dende a depuradora ata a ponte que atravesa o río,xusto por riba dun precioso recinto hosteleiro pegadiño ó río. Inda por riba era máis pequena ca culleriña (unha Ranger de cobre do 1, cun só anzó e sen arpón, tal e como a lei di).

Xusto ó pasa-la ponte, comezou unha inesperada e agradable xornada de pesca. Na curva seguinte, botei a culleriña a favor de corrente nun rebumbio de augas, e cando iba pola mitade do percorrido, ... ZAS! Picoume unha troita, ca mala sorte de que no primeiro coletazo xa se soltou... Pero ó liberarse da culleriña, mostrou o seu corpo por riba da auga...

Aquelo non era unha troita... Era un tiburón! Mira que era grande a condenada... E coma sempre, tivenme que fastidiar e seguir intentándoo, así que continuei o meu camiño.

Unha hora máis tarde debía de levar preto de 10 troitas collidas (e voltas de novo á auga), e outras tantas que quedaron escocidas na auga. Non se estaban dando nada mal, xa que case todas daban a medida (entre 19 e 27 cm). Pero o millor estaba por chegar.

Nun arrebato de paixón pola culleriña, un enorme exemplar de Fario comezou unha loita que duraría preto dos 2 minutos. Impresionante!! Non teño palabras para describir o que alí aconteceu. Unha imaxe vale mais ca mil palabras:


Coma ben vos dixen, non teño palabras para describir a loita que mantiven con tal besta. Nunca na miña vida collera tal exemplar.

A xornada continuou ata chegar ás 30 pezas (duas delas coma as da imaxe). Lastima de non poder facer unha boa troitada con elas. Quizá millor así, para nun futuro volver a pillar estes exemplares.