viernes, 6 de abril de 2007

05-04-2007: río Umia (Rivela, A Estrada)

Xa estamos de volta cunha nova xornada troiteira... bueno, desta vez, menos troiteira ca outras...

Tendo en conta a longa fin de semana que viña por diante, decidimos ir ó Umia, no seu paso pola parroquia de Rivela, A Estrada. Umia, río que xunto co Ulla forma a tan fermosa ría de Arousa. Nace en Aciveiro (Forcarei), e atravesa os concellos de A Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Vilagarcía, Ribadumia e Cambados. Conta cun coñecido afluente no seu paso por Cuntis-Moraña, o río Galo, no que recentemente comentabamos neste blog os problemas de vertidos que existían.

Aquí tendes unhas fotos de varios tramos percorridos neste día troiteiro:





Ben, alá fomos Rubén, seu irmán Alberto e máis eu de aventuras polo Umia. Chegamos ó río ás 8 da mañá, logo de deixar un dos coches nunha ponte uns 3-4 kilómetros máis arriba para face-lo percorrido completo e non baixar polo río, xa que trátase dun tramo moi escondido e pechado, difícil de andar, e por suposto, con moito monte. De vez en cando atópanse restos de cránios animáis, que ben puideron ser comidos por raposos, ou incluso lobos. Sí, lobos. Xa vos dixen que aquelo é moito monte de Dios.

Ó pouco de chegar, ¡Zás! a primeira do día, 20 cm. "Non está mal", pensaba eu. Pero pouco tempo durou a ledicia. O tempo non acompañaba. Facía moito frío e vento, e a auga estaba case que conxelada. Alberto pillou 3 bonitas, pero costaba traballo alcanza-la picada. Nun ratiño de descanso para o bocata, saquei unha bonita instantánea dos dous irmáns troiteiros:



Sobre as 11 da mañá, ó chegar á zona difícil de andar, Alberto dedidiu dar media volta, e botar cara abaixo, e incluso probar ca mosca seca. Nese instante, levabamos Alberto 3-4 (non me lembro), Rubén unha e eu outra. As cousas non pintaban ben.

Logo de pasar as zonas difíciles, e sacar algunha que outra foto destas fermosas correntes (a terceira foto de arriba), ocurriu o que penso foi o millor do día. Enganchei a culleriña nunha pola, máis ben nun "polón" dun bidueiro. Decidín ir no seu rescate, e cando estaba a punto de solta-la cana, chegou Rubén para botarme unha mán.

Rubén: "Deixa, que xa a collo eu!"
Eu: "Non, deixa, colloa eu.."
Rubén: "Non, non, colleme ti a cana e xa a collo eu..."


Dito e feito. Collinlle a cana e colleu dun salto a pola pola base (valga a redundancia). Ó ver que non estaba "aparentemente" podre e que aguantaba ben o seu peso, colleuna máis cara fora. Tan pronto a pola sentiu o seu peso... !Pum¡ A pola e máis Rubén o río.

Non vos podedes imaxinar o que tiven que aguantar para non esmendrellarme da risa. Penso que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Nas dúas fotos seguintes, podedes ver o resultado da caída, e o tamaño da pola, xa no río. Non teñen desperdicio ningún.



Logo de darse un baño os dous (eu tamén acabei na auga por cortesía co meu compañeiro), decidimos cambiar a culleriña, un por cansancio, e outro por perde-la nunha raiceira. E todo mellorou... un pouquiño. Comezaron a picar algo millor, e saquei algunha máis, unha delas cunha moi bonita librea. Ó meu querido Rubén tamén lle foi millor a cousa.

Ó final do día (ás 15:00), logo de percorrer varios kilómetros e acabar o que se dí "verdaderamente escarallados", acadamos él 7 e eu 6 troitas, traendo 4 para casa, 3 de 21 cm e 1 de 20 cm. A quen lle saíu caro foi a Rubén, que logo de pillar pouca cousa e mollarse, perdeu 3 culleriñas. Sí que lle saíron caras as troitas. Vede o resultado no prato:



Conclusión do día: o río estaba moi pero que moi ben, pero non era o día axeitado. Contra vento e frío, non se pode loitar. Ademáis, algún deixou latas na beira do río, que foron recollidas e botadas nun contenedor. Porcos hainos en tódolos lados. Un dato curioso: as troitas estaban moi pero que moi frías cando as colliamos para devolvelas ó río.

Como final deste post, póñovos unha toma do que pode facer a natureza. Unha árbore no medio de río, arrincada do seu sitio, o máis probable polo temporal do inverno.



Vémonos de novo no próximo día troiteiro, e esperemos que vaian millor as cousas.

Nota: a información sobre o río Umia foi sacada da Wikipedia, na súa versión galega (Galipedia)

4 comentarios:

O Cui dijo...

Moi boas Pequeno Troiteiro, acabo de ver o teu blog e está moi interesante. En primeiro lugar, darche as grazas por agregarme ás tuas ligazóns (farei o mesmo co teu blog). A verdade e que da gusto atopar xente que comparte a paixón pola pesca e polo coidado e respeto dos nosos ríos. Se algún día queres vir botar unhos lances ós ríos do Deza e necesitas información, non dubides en pedila. Recomendarei o teu blog ós meus amigos e coñecidos para que o visiten. Por certo, fermosas troitas e fermosas fotos. Unha aperta.

Pequeno troiteiro dijo...

Moitas gracias, sr Cui. Non tes que agradecer nada, simplemente pareceume unha web moi interesante, na que se comparte unha afición común. E aínda por riba preto ún do outro!

A verdade é que tes razón, da gusto atopar xente á que lle guste a pesca, sobre todo a pesca da troita. Penso que pouca xente así abonda por Galicia.

Estaría encantado de compartir lances con outro troiteiro do zona, máis aínda no Deza ou Asneiro, xa que nunca estiven neses ríos, a pesar de vivires preto.

Un saúdo e seguimos en contacto!

Anónimo dijo...

Pequeno troiteiro, mándame un correo a miguelpesca@gmail.com
Moitas grazas

Anónimo dijo...

Cachos troiteiros estades feitos!!!!
Os meus parabéns pola magnífica páxina web que fixeches.
Un saudo e unha apreta ó vello de Cardelle e ó vello da Pinguenla, je, je, dende o val do Baztan (Navarra).
O vello de Rivela.

PD; Coidádeme esas troitas do Umia que pra maio xa estou ahí.