Mostrando entradas con la etiqueta Libres. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Libres. Mostrar todas las entradas

martes, 5 de agosto de 2008

River Martin e River Bride: dúas minas

Estamos de volta cunha mini-actualización do blog para contarvos de forma breve as últimas xornadas de pesca en Irlanda, concretamente nos arredores de Cork, nos ríos Martin e Bride.

2008-07-17: River Martin 0 - 31 Alex

Miña nai querida... moita troita pequena ten este río. O bonito que ten é que ten augas moi cristalinas, moita corrente, e o millor de todo é que, na zona no que o pesquei, apareces xusto ó ladiño do Castelo de Blarney, onde unha ponte, dentro do recinto. Bonitas troitas, unha de 24cm e outra de 21cm (non as hai moito máis grandes que digamos....) Nesta primeira foto, a troita de 24cm.

Estas dúas fotos agora son do river Martin. A verdade que son ben bonitas. Nesta primeira, o pastor do gando pasando polo medio do río. Tes que agocharte para pasar, aquí están sempre encendidos (e calambrazo que levas...)

Nestoutra, un pouco máis arriba. Unha bela corrente (se non recordo mal, creo que pillei algunha troita ahí).


2008-07-29: River Martin 1 - 7 Alex

Voltamos outra vez ó River Martin, desta vez nunha zona superior. Costou atopala pero con Google Maps e co meu GPS conseguino. Esta zona a pesquei en moi pouco tempo, a chuvia e o meu cansanzo fixeron mella, pero as 7 troitas que pillei deixáronme un bo sabor de boca. Ningunha que salientar, todas pequenas e no río.

2008-08-01: River Bride 0 - 8 Alex

De novo ó River Bride, desta vez cheo de auga ata arriba. E un pouco marronciño, tendo en conta as inundacións en Fermoy (Rathcormac, por onde pasa o R. Bride está a 5 minutos de Fermoy). Tentei estrenarme ca cola de rata, pero levei un rosco coma un donuts. Pero a miña garra persistiu e boteille a culleriña, a cal non fallou e fixome coller 8 bonitas troitas, unha delas de 22cm. Aquí, o vídeo do "catch and release" desa beleza.



E ata aquí as troitas por agora. Seguiremos informando das xornadas troiteiras que levarei a cabo neste mes de agosto (a pesca aquí remata a fináis de Setembro).

Lembrade que, os asiduos ó meu outro blog, podedes ver o mapa de visitas e pesca. O mapa é este.

Saúdos a todos!

domingo, 19 de agosto de 2007

2007-08-02: río Ulla, zona de Santeles (A Estrada)

Logo das vacacións ben tomadas por diferentes puntos de xeografía española e francesa, voltei á miña casa, a preparar os últimos días de troitas que o traballo dexioume disfrutar.

Decidín pois ir á zona de Santeles no río Ulla, sitio de frecuente visita de bañistas xa que ten unha mini-praia para tomar o sol e unhas pozas aptas para o baño.

E alá fun eu duas horiñas nada máis, dende as 7 da tarde ata as 9 de noite. E non foi tan mal coma eu esperaba....

Decidín probar ca culleriña, unha Ranger de cobre do nº 2, xa que aínda non as veía cebarse, inda que facía un soliño perfecto. Ademáis, levaba auga a cañón, co cal esta culleriña ía perfecta.

Comecei a vadea-lo río máis abaixo da mini-praia, un pouco para non molestar ós bañistas que tentaban pescar escalos, e que eles non me molestasen a min, e así poder bordealos polas correntes que circulan xusto detrás da mini-praia.

Tiki taka, tiki taka... ata chegar ás correntes eses, nin troita toquei... Aínda salvei o momento con 3 troitas, unha boa de 21 cm apróximadamente. Lástima que perdese unha culleriña antes.

Logo de atravesar a gran poza ata a orilla (pouco máis e afogo) tras 1 hora de culleriña, decidín probar ca cola de rata, xa que aínda non me había estrenado. E menos mal que probei!!

Púxenlle unha falangista (negra e vermella) con hackle branco que me regalaran uns troiteiros asturianos cando viñeron visitar Couso. E así foi. Un par de subidas, unha picada case convertida en captura, e unha troita na miña man. Pequena, pero troita.

Logo probei na mini-praia, xa que os escaleiros (pescadores de escalos) marcharan facía un anaco. E alí probei cun tricóptero marrón, feo coma un croio, pero que ata a mín dábanme ganas de botarlle o dente.

E o dente botoullo unha de 25 cm. Nai que a pareu. Como tiraba a maricona. Moito se notan os tiróns ca cola de rata. É incríble... Pena dunha foto que non teño, xa que non levaba cámara.

E dous minutos máis tarde, unha pequecha co mesmo tricóptero.

Balance total: 6 troitas, 3 ca culleriña e 3 ca cola de rata. Gran estreo mundial con este último cebo. Pena da culleriña perdida, pero o que non arriesga, non colle..

viernes, 17 de agosto de 2007

De troitas por Navarra....

Boas a todos. Xa estou de volta das vacacións e xa nos encontramos traballando. Disculpade a tardanza en actualiza-lo blog, porque estiven a mil cousas no traballo (enmarronáronme ata as cellas).

Teño un amigo destinado en Navarra, preto da fronteira co País Basco francés. Este meu amigo é troiteiro crónico, polo que vos imaxinades qué pode saber y qué pode facer. Inda por riba é Garda Civil, co cal sábeas todas (saludiños, que fixo que o estás lendo).

Alá fomos de vacacións a pasar unha semaniña e disfrutar duns paraxes preciosos. Digamos que é coma Galicia, pero menos ardida. E por suposto, está chea de ríos e regatos, os cales tiven a oportunidade de ver, e incluso algún de disfrutar.

Preto de onde estabamos está o Bidasoa, gran río salmoneiro. É un río magnifico, moi parecido ó Sella asturiano en canto á color da auga e a forma. Unha mágoa que non puidese botarlle uns lances, quedeime coas ganas.

Outros ríos que merece a pena visitar son o Baztan, Luzaide o Aritzakun, todos eles con augas moi clariñas e cheos de troitas, xa que prácticamente son ríos nos que pouca xente vai a pescar.

Preto do lugar onde durmiamos, está o Orabidea, regato que tiven a sorte de probar, e de sacar 3 fermosas troitas de vintepico centímetros (xa non me acordo das medidas) en 45 minutos de tramos, e alí vai ser que non se andan con coñas. Xúntovos unha toma dunha troita dese regato, neste caso é do meu amigo troiteiro que por alí pesca a miúdo:

domingo, 6 de mayo de 2007

Berres "Compilation"

O prometido é deuda. Aquí vos poño as fotos do delito do primeiro día de troitas no Ulla...

Á esquerda, Nuñez pescando ca súa "pá de ping-pong" ó lombo. Á dereita eu e máis Rubén bailando unha muñeira no río.



Abaixo á esquerda, eu recén perdida a cuarta culleriña, e Alberto pescando ca cola de rata.



E nesta última, o trío calavera...

martes, 1 de mayo de 2007

01-05-2007: apertura do Ulla, Berres (A Estrada)

Por fin abréu o Ulla! Non só polas ganas que tiña de pescar nel, se non porque estaba deseando que o resto de troiteiros vaciasen os regatos e marcharan cara o río grande, e así poder pescar máis tranquilos... ¡qué egoista pola miña parte, non?

Primeiro de Maio. Un día que tódolos troiteiros da zona esperan con ilusión e entusiasmo. Un día diferente dos demáis. Un día no que un pode cumplir o seu soño de coller a troita da súa vida,... non debería ser un día para pillar dúas troitas (preciosas por outro lado), e perder catro culleriñas!!!!

Pois sí, o que vos conto! Alá fomos Nuñez, Alberto, Rubén e máis eu á zona de Berres, preto do couto de Ximonde. Ás 7 e media da mañá aquelo estaba infestado de troiteiros. Eu penso que en proporción, había 10 troiteiros por troita no río. Sen coñas.

Pois nada, logo de media hora xa levaba as únicas dúas do día. Eran ben bonitas, duns 22-23 cm cada unha, e cunha librea preciosa. Non puiden recoller fotos delas, xa que estaba ben dificil de sacar a cámara entre tanta corrente. Pero vos credes en mín, a que sí?

Ó pouco, o frío entrou no corpo... normal, por outro lado, se ún ten os vadeadores pinchados e tragan auga coma se fóse un perdido no deserto do Sáhara. É máis, eu penso que debín de baixar un metro o nivel do río cando saín del. Cousas que pasan.

O resto da mañá, ata as 11:30h, discurriu cun par de picadas máis, e 3 troitas que lograron escapar. E por suposto, con 4 lances maxistrales ós brizos, que lograron voltar sen culleriña. Estou feito todo un artista...

As fotos: estou pendente de que me pasen diversas fotos botadas durante a mañá. Cando as teña, xa volas poño.

Conclusión: merda de día. A veces ún levántase co pé revirado.

martes, 24 de abril de 2007

21-04-2007: pesca no Tabeirós

Que vos podo dicir deste día... a verdade... pouca cousa..

Logo de facer o exame en Silleda da oposición ó Sergas... máis ben... logo de ir facer o parvo alí, porque o que se dí estudiar, non toquei un libro, decidín ir botarlle uns lances ó río, para desestresarse, vamos.... e alá fun ó Tabeirós.

Facía unha calor que nin o demo. Ós cinco minutos de poñer o vadeador, ya estaba sudando coma un porco. A verdade é que non sei se as troitas sudan, pero as pobres debérono pasar mal. Bueno, comigo pasárono que nin Dios, porque mira que se riron de mín... porque a ver... a min gústame pescar, pero pillar 3 xurelos, un dos cales medía 9 cm (medidos empíricamente), ... pois igual jode un pouco.

Pouco máis teño que contar... quedei fodido para o resto da semana.... igual millor fora salir de borracheira...

viernes, 6 de abril de 2007

05-04-2007: río Umia (Rivela, A Estrada)

Xa estamos de volta cunha nova xornada troiteira... bueno, desta vez, menos troiteira ca outras...

Tendo en conta a longa fin de semana que viña por diante, decidimos ir ó Umia, no seu paso pola parroquia de Rivela, A Estrada. Umia, río que xunto co Ulla forma a tan fermosa ría de Arousa. Nace en Aciveiro (Forcarei), e atravesa os concellos de A Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Vilagarcía, Ribadumia e Cambados. Conta cun coñecido afluente no seu paso por Cuntis-Moraña, o río Galo, no que recentemente comentabamos neste blog os problemas de vertidos que existían.

Aquí tendes unhas fotos de varios tramos percorridos neste día troiteiro:





Ben, alá fomos Rubén, seu irmán Alberto e máis eu de aventuras polo Umia. Chegamos ó río ás 8 da mañá, logo de deixar un dos coches nunha ponte uns 3-4 kilómetros máis arriba para face-lo percorrido completo e non baixar polo río, xa que trátase dun tramo moi escondido e pechado, difícil de andar, e por suposto, con moito monte. De vez en cando atópanse restos de cránios animáis, que ben puideron ser comidos por raposos, ou incluso lobos. Sí, lobos. Xa vos dixen que aquelo é moito monte de Dios.

Ó pouco de chegar, ¡Zás! a primeira do día, 20 cm. "Non está mal", pensaba eu. Pero pouco tempo durou a ledicia. O tempo non acompañaba. Facía moito frío e vento, e a auga estaba case que conxelada. Alberto pillou 3 bonitas, pero costaba traballo alcanza-la picada. Nun ratiño de descanso para o bocata, saquei unha bonita instantánea dos dous irmáns troiteiros:



Sobre as 11 da mañá, ó chegar á zona difícil de andar, Alberto dedidiu dar media volta, e botar cara abaixo, e incluso probar ca mosca seca. Nese instante, levabamos Alberto 3-4 (non me lembro), Rubén unha e eu outra. As cousas non pintaban ben.

Logo de pasar as zonas difíciles, e sacar algunha que outra foto destas fermosas correntes (a terceira foto de arriba), ocurriu o que penso foi o millor do día. Enganchei a culleriña nunha pola, máis ben nun "polón" dun bidueiro. Decidín ir no seu rescate, e cando estaba a punto de solta-la cana, chegou Rubén para botarme unha mán.

Rubén: "Deixa, que xa a collo eu!"
Eu: "Non, deixa, colloa eu.."
Rubén: "Non, non, colleme ti a cana e xa a collo eu..."


Dito e feito. Collinlle a cana e colleu dun salto a pola pola base (valga a redundancia). Ó ver que non estaba "aparentemente" podre e que aguantaba ben o seu peso, colleuna máis cara fora. Tan pronto a pola sentiu o seu peso... !Pum¡ A pola e máis Rubén o río.

Non vos podedes imaxinar o que tiven que aguantar para non esmendrellarme da risa. Penso que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Nas dúas fotos seguintes, podedes ver o resultado da caída, e o tamaño da pola, xa no río. Non teñen desperdicio ningún.



Logo de darse un baño os dous (eu tamén acabei na auga por cortesía co meu compañeiro), decidimos cambiar a culleriña, un por cansancio, e outro por perde-la nunha raiceira. E todo mellorou... un pouquiño. Comezaron a picar algo millor, e saquei algunha máis, unha delas cunha moi bonita librea. Ó meu querido Rubén tamén lle foi millor a cousa.

Ó final do día (ás 15:00), logo de percorrer varios kilómetros e acabar o que se dí "verdaderamente escarallados", acadamos él 7 e eu 6 troitas, traendo 4 para casa, 3 de 21 cm e 1 de 20 cm. A quen lle saíu caro foi a Rubén, que logo de pillar pouca cousa e mollarse, perdeu 3 culleriñas. Sí que lle saíron caras as troitas. Vede o resultado no prato:



Conclusión do día: o río estaba moi pero que moi ben, pero non era o día axeitado. Contra vento e frío, non se pode loitar. Ademáis, algún deixou latas na beira do río, que foron recollidas e botadas nun contenedor. Porcos hainos en tódolos lados. Un dato curioso: as troitas estaban moi pero que moi frías cando as colliamos para devolvelas ó río.

Como final deste post, póñovos unha toma do que pode facer a natureza. Unha árbore no medio de río, arrincada do seu sitio, o máis probable polo temporal do inverno.



Vémonos de novo no próximo día troiteiro, e esperemos que vaian millor as cousas.

Nota: a información sobre o río Umia foi sacada da Wikipedia, na súa versión galega (Galipedia)

sábado, 31 de marzo de 2007

31-03-2007: río Riobó (A Estrada)

Voltamos outra vez máis, desta vez no río Riobó.

Poñovos en coñecemento: este río é afluente do Liñares (un dos tantos). Ten unha piscifactoría, polo que abundan moito as troitas "Arco iris" (ás que eu chamo troitas "chicle") xa que estas escapan de vez en cando. Pódese acceder a él pola estrada A Estrada - Chapa, despois de pasar o restaurante Río Liñares, e coller á esquerda dirección Berres - Oca. Logo duns kilómetros, e pasar os concesionarios de motocicletas, chegamos á ponte do río. Cara arriba, ten preto de 1 ou 1.5 km de tramo, ata dividirse en dous regatos. Cara abaixo, chegamos á piscifactoría.

Velaquí unhas fotos:



Alá fomos Rubén e mais eu sobre as 4 e media da tarde, xa que estes días oiramos que estaba ben de auga, e que seica tiña bastante troita. Nunca vos fiedes da xente.

O río, a verdade estar, estaba ben. Ten moita zona de corrente na que botar a culleriña, e un par de xeitosas fervenzas. Estaba moi clariño, a pesar de chover prácticamente todo o día anterior, e bastante limpiño.

A tarde non comezaba ben. Non sei que carallo pasou, pero dous lances, duas culleriñas perdidas. Logo, un par de troitas escapadas. Se cando non tes a estrela de cara... A Rubén iballe un pouco millor. Colleu un par delas, y algunha que outra picadiña. Logo, chegamos á separación dos regatos e collimos polo da dereita, que normalmente ten máis auga que o da esquerda. Pouco millor nos foi.

Alí encontramos con outro troiteiro, bo rapaz polo que parecía. Fala que fala con él, que si o Toxo, que si unha troita de 2 kg do ano pasado de non sei quen, que si fulano dalle á cola de rata que nin dios... o típico.

Ó final: Rubén colleu 5 e eu 2. Pequenas, pero eso sí, ben feitiñas e cunha librea preciosa. Non teño fotos para mostrarvos, xa que da mala uva que tiña, olvidouseme de quitarlle fotos ás troitas. Pero vos prometo volver e traer algunha foto (e troita) para casa.

viernes, 30 de marzo de 2007

30-03-2007: río Tabeirós (A Estrada)

Velaiquí estamos outra vez para comentarvos a xornada de troitas.

Hoxe, venres 30 de marzo, ás 4 e media, recén comido tras saír de traballar do "locodromo" de Conxo (non vaiades pensar que son interno), decidín aproveitar a tarde pegándolle uns lances ó Tabeirós.

Para os que non o saibades, o Tabeirós é un afluente do Liñares pola marxe esquerda, que desemboca xusto na ponte dos muíños do Viso, xusto onda o límite superior do couto de Liñares. O río atravesa as aldeas de Vinseiro e Tabeirós. Trátase dun río estreito, igual ca parte superior do Liñares, no que os primeiros 500 metros abundan pequenas fervenzas e grandes rocas, lugares con grandes posibilidades de agochar troitas, e con grandes posibilidades de esvarar e caer de fuciños. O resto do río, coma os demais: correntes e pozas. Eso sí, abunda moita troita pequena, e algún que outro "zepelín". Vede as fotos do río:



Pos nada, coma vos dicía, despois de comer decidín matar o gusanillo no río, para ver se caía algunha que outra. A tarde non iba mal, xa que collín 5 xurelos en media hora. Logo, comezou a chover, e tamén o recital de troitas: unha tras doutra, iban coma tolas detrás da culleriña. Facía tempo que non collía tanta troita en tan pouco tempo. 22 troitas en 2 horas e media. Foto do prato cas troitas (da medida) que levei para casa. Meu pai púxose as botas. Medias: 26 cm, 21 cm, 20 cm, 18.5 cm, 18 cm, e 2 de 17.5 cm. Todas con culleriña Ranger de cobre, do nº 0.



Hai que dicir tamén que, cando parou de chover, apenas picaron, aínda que a grande de todo a collín ó final da tarde, despois da chuvia.

Conclusión: tarde perfecta de chuvia, con picadas intensas e seguidas. O río perfecto, moita corriente e bastante limpo. Algún que outro vertedoiro de electrodomésticos e moita silva.

domingo, 18 de marzo de 2007

Comezo da tempada 2007

Voltamos de novo co inicio da tempada de pesca 2007!

Sí, xa está aquí. Por fin. É un momento que todo troiteiro espera. Durante a semana anterior, todos revisamos as canas, os carretes, compramos sedela e culleriñas, anzós, moscas, e esperamos ó sabado con esa ilusión que todo troiteiro ten. Esa ansia por botarse ó río, esas gañas de molla-la miñoca, da calzar ás botas de goma, de picarse cas silvas e ortigas... bótase de menos!

Quen non tivo nunca estos síntomas, entendo que non é troiteiro, ou que realmente non sabe qué é a pesca da troita. Só podo dicir que, o que realmente lle gusta, o que realmente ó vive, sabe perfectamente qué son os días previos o inicio da tempada.

Tan pretiño estaba o día, que unha semana antes comecei a comprar material: sedela Fendreel do 0.16, culleriñas Ranger de cobre e douradas dos nº 0 e 0.5, e como non, unha preciosa cana Shimano de 1.80, lixeriña como ten que ser. O carrete, pois xa o tiña, un regalo de cumpreanos que me fixeron Rubén e mais Nuñez.

Todo listo. Agora, o que falta é decidir o sitio ó que ir o primeiro día. Despois de cavilar durante varios días con Rubén se ibamos a un sitio ou o outro, decidimos ir ó Viso, xusto no límite superior do couto de Ponte Liñares, nos muíños de Penide.

Trátase dun río pequeno, estreito, con moita troita pequena, e ás veces, con algunha que outra sorpresa. Para comezar a tempada, non está mal, tendo en conta que o ano pasado portouse de maravilla. Alá fomos os dous. Chegamos ás 8 da mañá, xa de día. Por certo, día nuboso, que non despexou ata as 11 e media aproximadamente. Cambiamonos, e ó río!

O día comezada ben. Nos primeiros lances, un par de picadas a cada un. Non está mal. E comezamos a encontrar outros troiteiros, uns amables, e outros avinagrados. Ten que haber de todo no mundo. Seguimos hacia arriba, pero o día parecía non ir moi ben.

Ó pasar a ponte nova da estrada, empezou a millorar. Primeiro un, logo o outro. Un par de pequenas fario que alegraban a mañá. Xurelos, pero polo menos estabamos estrenados. Non foi ata chegar á zona dos muiños cando comezamos a pillar ben. Igoal ca antes: un unha, outro outra. Así ata chegar ó tramo alto do regato da dereita (o río divídese en dous regatos na súa zona alta).
Alí acabouse o día, non por desexo propio, senón porque rompín a cana. Sí, maravilla de cana, e co punteiro na mán. Nese momento, levabamos eu 7 e o outro 8, case todas ca Ranger de cobre do 0. Non hai queixa.

Mellor ir recollendo, polo que fomos pola estrada. Menuda camiñata! 30 minutos de camiño, recén saído o sol, e cas botas altas ata o peito. Menos mal que un pensa en todo e leva auga para cando mais se necesita.

Móstrovos a continuación unha fotografía tomada neste fructuoso día. Nela está o redactor deste blog recén sacado un dos 7 xurelos do día. Premio ó que sexa capaz de localizar a troita:

Ó próximo día, toca couto en Negreira. Ireivos informando!