domingo, 25 de marzo de 2007

24-07-2007: Couto de Negreira, rio Barcala

Coma ben vos dixen, a próxima entrada deste blog sería para comentarvos as aventuras que me ocorrerían no couto de Negreira, cos ríos Barcala e Albariño. Antes de comezar cas aventuras, vouvos falar acerca del.

O couto de Negreira está formado por dous ríos: o Barcala, río principal, e o Albariño. O primeiro deles, nado a 340 m. de altitude no monte Comado, trátase dun afluente do Tambre pola marxe dereita, cuns 19 Km de percorrido aproximadamente, que atravesa os municipios de A Baña e Negreira. O segundo deles, o Albariño, trátase dun afluente, que baixa dos Altos de Freixeiro, ata desembocar no Barcala. En total, o couto ten unha lonxitude de 8 km., e ten como límite inferior a ponte Vilachán (Barcala) e coma límite superior, as pontes de Rial (Barcala) e Triáns (Albariño). A principal especie piscícola e, como non, a troita, aínda que tamén habita o escalo.

Nesta tempada 2007, a cota de captura é de 10 pezas, sendo o mínimo 17 cm. Os días de pesca permitidos son tódolos días da semán, agás Luns (se non é festivo). Podedes expedir coutos en dous lugares: Casa Salvador, Negreira (981 88 53 12) e Bar Mezquita, Negreira (981 88 51 28).

Para chegar ó couto, basta con coller dirección Negreira, e alí ir cara o pazo. Colleredes un empedrado e uns 40 metros despóis, encontraredes unha ponte, que pasa por riba do Barcala. Se seguides a estrada 50 metros arriba dirección Muxía, colledes o primeiro desvío á dereita (e malo de coller, ten unha costa un pouco empinada), e chegades dereitiño á ponte Vilachán.

O couto non está mal, ó principio hai unhas zonas de correntes, áptas para as culleriñas e moscas. Logo, encontrámonos unha zona de pozas, para continuar con outra zona de correntes. Pasada unha presa grande, encontrámonos cun tramo bastante longo de poza (non a recomendo se estades á culleriña), e ó acabar este tramo aparece a desembocadura do Albariño, cunhas bonitas correntes. Seguindo polo Barcala arriba, atoparemos un refuxio de pescadores, cunha zona merendero, por se a alguén lle entra a fame. Pouco máis arriba subín, xa que o andado é un bo tramo para facer en 5-6 horiñas.

A continuación amósovos unhas instantáneas do río:


Ben, despois de describir o couto, cóntovos a miña experiencia nel. Como todo troiteiro que se precie, levantéime tempraniño, sobre as 6 e media da mañá. Marchei da casa ás 7 en punto, co fin de chegar ás 8 ó río. Despóis de cruzarme co radar da patrulla de Tráfico (espero que non chegue nada á casa), e unha chamada da natureza ó baño de gasolinera de Negreira, cheguei ó río.

Encontreime cun paisano recén chegado, o cal iba a miñoca. Mal asunto, xa que iba a ter que adiantalo ca culleriña. Logo de cambiarme, comecei o día. Tras unha picada, ós 20 minutos de comezar, saquei a primeira: unha bonita xouva de 15 cm. Algo é algo.

Despóis de sobrepasar as pozas, e ó troiteiro, collín a segunda do día: nin 12 cm. debía ter. Mal iba o día: non picaban ben, facía algo de frío, xa levaba dúas horas... non estaba moi convencido do día. Pero un nunca se rinde, e continuéi ca miña ilusión de coller máis.

Esta acabouse cando parei a tomar o bocata cuns paisanos cortando unhas árbores a carón do río, cerquiña da desembocadura do Albariño. Boa xente. Ata me ofrecían quintos de Estrella, pero millor non beber cando un está na labor.

Logo do bocata, atopeime un "especimen" de troiteiro. O típico borde que apenas fala, e contesta mal ás preguntas típicas de troitero: "qué, pican?", ou "levamos algo?". Espero que non lle pique unha troita nunca máis.

Pouco máis arriba, caeron a terceira e a cuarta do día: otras dúas xouvas, as últimas do día. Despois de 1 hora máis de pesca e mala ostia, decidín marchar. Sorte que tiven de encontrar a un señor que me levou de novo á ponte (agradézollo infinitamente, e sinto mancharlle o coche), porque xa non podía moito máis ca alma.
Xúntovos unha toma dun xurelo do Barcala:

Conclusión do couto: bo río, cunhas zonas de correntes excelentes. Iba un pouco cheo, pero conto que dentro duns meses estea en millores condicións, e que faga menos frío, que senón as troitas non se moven. Eso sí, un pouco sucio, xa que había algún que outro vertido onda a desembocadura do Albariño. Unha pena.

Nota: os textos e descripcións do couto foron sacadas do coleccionable de "Caza e pesca galega"

domingo, 18 de marzo de 2007

Comezo da tempada 2007

Voltamos de novo co inicio da tempada de pesca 2007!

Sí, xa está aquí. Por fin. É un momento que todo troiteiro espera. Durante a semana anterior, todos revisamos as canas, os carretes, compramos sedela e culleriñas, anzós, moscas, e esperamos ó sabado con esa ilusión que todo troiteiro ten. Esa ansia por botarse ó río, esas gañas de molla-la miñoca, da calzar ás botas de goma, de picarse cas silvas e ortigas... bótase de menos!

Quen non tivo nunca estos síntomas, entendo que non é troiteiro, ou que realmente non sabe qué é a pesca da troita. Só podo dicir que, o que realmente lle gusta, o que realmente ó vive, sabe perfectamente qué son os días previos o inicio da tempada.

Tan pretiño estaba o día, que unha semana antes comecei a comprar material: sedela Fendreel do 0.16, culleriñas Ranger de cobre e douradas dos nº 0 e 0.5, e como non, unha preciosa cana Shimano de 1.80, lixeriña como ten que ser. O carrete, pois xa o tiña, un regalo de cumpreanos que me fixeron Rubén e mais Nuñez.

Todo listo. Agora, o que falta é decidir o sitio ó que ir o primeiro día. Despois de cavilar durante varios días con Rubén se ibamos a un sitio ou o outro, decidimos ir ó Viso, xusto no límite superior do couto de Ponte Liñares, nos muíños de Penide.

Trátase dun río pequeno, estreito, con moita troita pequena, e ás veces, con algunha que outra sorpresa. Para comezar a tempada, non está mal, tendo en conta que o ano pasado portouse de maravilla. Alá fomos os dous. Chegamos ás 8 da mañá, xa de día. Por certo, día nuboso, que non despexou ata as 11 e media aproximadamente. Cambiamonos, e ó río!

O día comezada ben. Nos primeiros lances, un par de picadas a cada un. Non está mal. E comezamos a encontrar outros troiteiros, uns amables, e outros avinagrados. Ten que haber de todo no mundo. Seguimos hacia arriba, pero o día parecía non ir moi ben.

Ó pasar a ponte nova da estrada, empezou a millorar. Primeiro un, logo o outro. Un par de pequenas fario que alegraban a mañá. Xurelos, pero polo menos estabamos estrenados. Non foi ata chegar á zona dos muiños cando comezamos a pillar ben. Igoal ca antes: un unha, outro outra. Así ata chegar ó tramo alto do regato da dereita (o río divídese en dous regatos na súa zona alta).
Alí acabouse o día, non por desexo propio, senón porque rompín a cana. Sí, maravilla de cana, e co punteiro na mán. Nese momento, levabamos eu 7 e o outro 8, case todas ca Ranger de cobre do 0. Non hai queixa.

Mellor ir recollendo, polo que fomos pola estrada. Menuda camiñata! 30 minutos de camiño, recén saído o sol, e cas botas altas ata o peito. Menos mal que un pensa en todo e leva auga para cando mais se necesita.

Móstrovos a continuación unha fotografía tomada neste fructuoso día. Nela está o redactor deste blog recén sacado un dos 7 xurelos do día. Premio ó que sexa capaz de localizar a troita:

Ó próximo día, toca couto en Negreira. Ireivos informando!

viernes, 17 de noviembre de 2006

Mellores intres da tempada 2006 (3)

Voltamos cos mellores intres desta tempada pasada. Desta vez, imos ó couto de Verdes (Carballo).

Ala fomos Rubén e máis eu (prometo poñer fotos de nós) cara Verdes. 7:00 da mañá. Chovera toda a semana. Temiamos o peor. E por suposto, non nos equivocamos.

Se non era un tsunami, pouco lle faltaba. Arredemo co río. Penso que unha imaxe vale máis ca mil palabras:
Aí o tendes. Maxestuoso. Grandioso. Soberbio. E chocolate! Foi a primeira vez na miña vida que tardei 5 horas en comezar a pescar. Nunca vira tal desesperación coma a de Rubén. Él era o que tiña o couto, e eu somentes iba para acompañalo e para pescar nun río calqueira que encontrara polo camiño.

Demos volta, buscando outro río para molla-la culleriña. Nada. Todos chocolates. Acabamos na praia de Razo. Dimos máis voltas. E finalmente, tirámonos coma tolos nun regato calqueira. Millor era que foramos para casa. 1 troita entre os dóus. Somentes se oían blasfemas en varios Km á redonda. Tan mal nos iba, que decidimos marchar.

Temos pensado voltar... pero eso sí... como volva estar así o río...

jueves, 12 de octubre de 2006

Mellores intres da tempada 2006 (2)

Continuamos ca segunda parte dos mellores intres da tempada 2006 co día que fun ó couto sen morte do río Arenteiro, en Carballiño.

Cara alí marchamos Rubén (un aventureiro máis da pesca) e máis eu. De camiño, paramos a tomar café no hotel onde sirven os coutos, para ver se conseguiamos coller un couto para él, xa que eu lográrao no sorteo anual de coutos da Xunta de Galicia. Unha mágoa que non houbera.

Unha vez chegado ó río, tiramos cara arriba na ponte que vai dar ó paseo, preto da depuradora. Alí comeza o couto sen morte, aproximadamente 1 km de distancia. Despedinme de Rubén, xa que él non podía subir máis e nese intre comecei a miña primeira andadura polo Arenteiro.

O día comezou difícil, xa que somentes pillei unha troita no tramo que vai dende a depuradora ata a ponte que atravesa o río,xusto por riba dun precioso recinto hosteleiro pegadiño ó río. Inda por riba era máis pequena ca culleriña (unha Ranger de cobre do 1, cun só anzó e sen arpón, tal e como a lei di).

Xusto ó pasa-la ponte, comezou unha inesperada e agradable xornada de pesca. Na curva seguinte, botei a culleriña a favor de corrente nun rebumbio de augas, e cando iba pola mitade do percorrido, ... ZAS! Picoume unha troita, ca mala sorte de que no primeiro coletazo xa se soltou... Pero ó liberarse da culleriña, mostrou o seu corpo por riba da auga...

Aquelo non era unha troita... Era un tiburón! Mira que era grande a condenada... E coma sempre, tivenme que fastidiar e seguir intentándoo, así que continuei o meu camiño.

Unha hora máis tarde debía de levar preto de 10 troitas collidas (e voltas de novo á auga), e outras tantas que quedaron escocidas na auga. Non se estaban dando nada mal, xa que case todas daban a medida (entre 19 e 27 cm). Pero o millor estaba por chegar.

Nun arrebato de paixón pola culleriña, un enorme exemplar de Fario comezou unha loita que duraría preto dos 2 minutos. Impresionante!! Non teño palabras para describir o que alí aconteceu. Unha imaxe vale mais ca mil palabras:


Coma ben vos dixen, non teño palabras para describir a loita que mantiven con tal besta. Nunca na miña vida collera tal exemplar.

A xornada continuou ata chegar ás 30 pezas (duas delas coma as da imaxe). Lastima de non poder facer unha boa troitada con elas. Quizá millor así, para nun futuro volver a pillar estes exemplares.

viernes, 22 de septiembre de 2006

Mellores intres da tempada 2006 (1)


Quero comezar a andadura deste blog mostrando en imaxes o que, ó longo da tempada 2006, foron os mellores momentos que vivin.

Gustaríame comezar co primeiro día da tempada. Os meus compañeiros de aventuras (os cales pronto coñeceredes) decidiron ir ó Liñares, flamante río que desemboca na zona de Santeles no Ulla, o rei de reis da zona. Pero eu non as tiña todas comigo, xa que este mesmo ano, Medio Ambiente decidíu abrir o río dende 100 metros arriba na súa desembocadura ata a praia fluvial da Asociación de pesca e caza Río Ulla, zona que levaba máis de 6 ou 7 anos vedada. Eu estaba máis ca seguro que case tódolos troiteiros da zona irían a molla-la miñoca e máis a culleriña ó Liñares, co que preferín escoller o río do Viso, regato afluente do Liñares, e que sempre me deu algunha que outra alegría.

Ben, alí encontreime cunha agradable sorpresa. Fun o único en toda a mañá que tocou o río, e logrei quitar (creo lembrar) preto dunhas 7 ou 8 troitas, aínda que só unha da medida. Non estaba mal, xa que o meu bagaxe troiteiro non é moi bó que digamos.

Xa a media maña, decidín ir ver ós meus compañeiros ó Liñares, e alí atopeime cun rapaz de cando ibamos á escola, e comentou que a praia fluvial do Liñares estaba aberta, que llo habían dito os guardas. E sen pensalo dúas veces, alá fun a probar a culleriña (unha Ranger do 1 de cobre, que tan bos resultados me deu en toda a tempada).

Xa na praia, atopeime cos guardas, e por si acaso, preguntei. Estes confirmaron o rumor, e de cabeza boteime o río. Xamáis na vida 300 metros de río me deron para tanto. Foi botar a culleriña e picar unha tras doutra. E alá foron unhas 10 troitas, das cales 8 foron da media. Seica andaban rabiadas por picar, xa que endexamáis no primeiro día pillei preciosa bandexa de troitas que vos amoso a continuación:




Cunha ledicia que non lembraba dende que era un cativo, marchei para casa, e saquei esta preciosa toma, que espero que se repita moitas veces ó longo da miña vida.



martes, 19 de septiembre de 2006

Benvida

Benvidos á Pesca en Galiza, o meu blog particular onde comentaremos ó largo do noso percorrido as aventuras e desventuras de pesca da troita polos ríos e regatos de toda Galiza.

Prométovos actualizalo o antes posible con novas e divertidas historias de verdaderos troiteiros.

Saúdos dende o meu curruncho particular,